Poxa de Poetas

Os creadores dos famosos recitais-combate da Hostia en Verso teñen «un estado na cabesa» e están xa imprimindo a súa propia moeda: os poetrodólares. Con ela poderedes mercar este sábado as almas das poetas Ledicia Costas, Lucía Aldao e Nolim González, nunha poxa que dirixirá María Lado e que se celebrará no Bar Hipólito de Vigo ás 22:00 horas.

A entrada non só é de balde, senón que aínda vos imos dar un sobre con pasta (os tales poetrodólares) para que poidades mercar a/o poeta que máis vos encha o ollo. E aqueles máis afoutos que consigades gañar a subasta levaredes a almiña metida nun precioso obxecto poético deseñado por unha artista de excelencia.

Todo isto estará amenizado polo desalmado músico Mig Seoane e conta coas mellores calificacións de Lehman Brothers e o Banco Europeo de Inversións.

Todo un choio, vaia.

Na categoría Sen clasificar | Leave a comment

Un recital alieníxena! Grazas a todas!

O pasado sábado 14 de xaneiro. Un día antes de que marchase o último alien coñecido sobre a terra, tivo lugar un combate galáctico de poetas ou un combate de poetas galácticas, quen sabe.

O caso é que a nave nodriza do Bar Hipólito encheuse (unha vez máis) dunha serie de raros especimes amantes da poesía (si, si, cousas veredes) que nos fixeron sentirnos arroupados entre tanto becho alieníxena. Dende poetasdahostia só podemos darvos a todas e a todos as grazas por acompañarnos unha vez máis enchendo como enchestes esta nosa lanzadeira espacial. (Especialmente agradecidas estamos aos que tiveron que asistir a esa loita de titáns sen unha cadeira onde sentar (é o que teñen os transbordadores espaciais, o espazo vai moi xustiño).


Tamén queremos ter unha nota de agradecemento para as poetas e os poetas que tiveron a ben acompañarnos en tal singular combate: Silvia Penas, Edu Estévez, Nolim, O Leo, Ledicia Costas e Daniel Landesa. E para as incombustibles presentadoras Aldao e Lado (o de incombustibles está científicamente probado, non arden!) e ao xenial músico da hostia , mig, que lle botou un par de pentagramas galácticos ao choio…

Ata a próxima!!

Podedes ver unha crónica do acontecido aquí!

Na categoría Sen clasificar | Leave a comment

Entrevista dos Poetas da Hostia, en verso. Na Voz de Galicia, edición Vigo

O xornalista Jorge Lamas, da redacción de Vigo da Voz de Galicia, retounos a facernos unha entrevista e que a constestásemos en verso, co gallo da Hostia en Verso que se celebrará este sábado 14 de xaneiro no bar Hipólito.  Por suposto, pareceunos tal tolada que non puidemos rexeitar o convite. Aquí vos deixamos a imaxe da entrevista e o texto da mesma:

1¿Quen e cantos sodes os Poetas da Hostia?

Os poetas da hostia sonche todos
aqueles moi ousados que quixeron
probar nalgunha noite gloria e lodos
e nunha Hostia en Verso se bateron.

Como grupo non temos moito estado
estar, están sempre Ledicia Costas
dona Lucía Aldao, María Lado
e Daniel Landesa, o das respostas.

Eduardo Estévez, Riveiro Elvira,
Isaac Xubín e a Neves Soutelo,
saberán que estiveron quen os vira,
tamén Lara do Ar e mais o Leo.

Non falten entre os poetas os nomes
de Laura Sáez e Miguel Valverde!
Mentres, a Euterpe serven estes homes:
o Carácter e o Mig, que nunca perde.

Daniel Costas Currás, que me esquecía
o Xil Xardón, Xabier, o dos tres xes
tamén Fran Alonso e… que dicía?
ah! David Rodríguez! Todos os tes.

Mais se -pardiez!, redios!- memoria falla
é… polas moitas citas que levamos!
(Permita o lector que a desculpa valla,
é duro rimar pr’os que non rimamos).

2 ¿Tan bós sodes? (o digo polo nome)

Boh! Malos de todo non… inspirados.
Poetas da Hostia é truncamento,
-e prende ben, maquea en todos lados-
pois quedou o nome así, de momento.

3 ¿Pero non era aburrida a poesía?

A ver señor xornalista
voulle dicir unha cousa
nas verbas da nosa musa
a nosa mellor cantora.
Permita mesmo a licencia
que a chamemos nosa Diosa,
cante por nós Rosalía
sen cobrar taxas de autora:

“Eu cantar, cantar, cantei,
a grasia non era moita,
que nunca (delo me pesa)
fun eu meniña grasiosa”.

4 ¿Por que xurdiron as veladas-combates?

Sedíame eu nun museo, no balcón
e cercáronme uns poetas que eran dous
E nós atendendo a un recital! de quen era?

Estando no museo, ante o bar
cercáronme os poetas sen publicar
E nós atendendo a un recital! de quen era?

E cercáronme uns poetas sen editar:
-Isto é un tostón, non se pode aguantar.
E nós atendendo a un recital! de quen era?

Cercáronme os poetas para brindar,
tivemos unha idea para gozar.
E nós atendendo a un recital! de quen era?

Tivemos unha idea! ímola probar
de non morrer hoxe neste trovar.
E nós atendendo a un recital! de quen era?

5 ¿Hai improvisación?

Haiche improvisación, haiche
é a rolda kamikace.
Moito a temen os poetas
que ata invocan a Espronceda!
Lado e Aldao propoñen un tema
con tirón e algo de chicha,
nós sacamos das chisteiras
uns haikus de moita risa

6 ¿Como elexides o tema dos combates?

Poida que sexa nuns días o azar
Outras ha de ser a nosa mala hostia.
Pero se nalgo debemos confiar
sexa sempre na forza poderosa
de reunírmonos na barra dun bar
e catar moitas tapas saborosas
que logo da enchenta de viño e pan
é cando nacen as ideas máis tolas.

7 ¿Aliens versus Predators? ¿Que ten de poético tanta víscera?

Atoparás a resposta no amor
somos no fondo aliens os poetas
nunca vivimos de todo na terra
respiramos ben no espazo exterior.

Somos poetas, xénero predador,
o mesmo comemos miolos de asceta
que compoñemos fermosas cuartetas:
teras a resposta no corazón

que tamén é unha víscera coma outras
por moito que diga a literatura
así é, que non estamos de broma

comproben o sábado na disputa
e vexan se nos damos ou non de hostias
mais sempre son lapotes con tenrura.

8 ¿Como teño que dicir poetas ou poetisas?

Chámenos tunantes e tunantas
que mellor nos acae o nome
que nin somos señores con barba
nin baixo nariz lucimos bigote
tampouco levamos minisaia
e é moi pouco posible que note
se tras estas nosas chanzas
se atopa muller ou home.

9 ¿Que é o que máis valora o público nun recital-combate?

Pois valoran a variedade,
catro probas a superar
e valoran a calidade,
somos poetas superstars!
Valoran o guapos que somos
no corpo dos feros predators,
valoran os nosos esforzos
por vencer o equipo contrario.
Xa ves que hai bastantes motivos
para que o público o pase guai
así que arranca a túa Vespino
e achégate ao recital.

10¿Se hai empate ídes a penaltis?

Aquí o pobo importa, vota, decide o gañador
desta Hostia en Verso, eles son o mellor.
Disfrutan con contar, decidir, arbitrar,
é quen máis ordena, van a arrasar !
Pero se hai empate, quen fai de salomón?
son as presentadoras, emsís desta cuestión:
Aldao e Lado son máis que penalti… un gol.

11 ¿Que teño que facer para ser un Poeta da Hostia?

Adiós, ripios; adiós metros;
adiós aos actos eternos;
adiós, torre de marfil:
nin de coña nos veremos.

Miña Moleskine,  miña Moleskine,
Moleskine que xamais merquei,
garitos que quero tanto:
viva o bar! que arda o papel!

Guapos, feos; letras, ciencias,
Capuletos ou Montescos,
tanto ten como o chamemos,
nós e o público contentos.

Versos quentes; morte aos mornos!
verbas bala ao corazón!
recitamos dende a selva,
rediós como presta,  rediós!

Na categoría Sen clasificar | 1 Comentario

ALIENS VS. PREDATORS

E por fin chegamos ao 2012, o ano da fin segundo os Maias. E os Maias sabían ben o que dicían, moito máis que o Nostradamo ese que vaticinou ducias de datas para a fin. O 2012 é aposta única da civilización precolombina que, dito sexa de paso, souberon facer desaparecer unha cidade de ouro e extinguíronse como civilización, razón pola cal debemos darlles un voto de confianza. Ao fin e ao cabo se se lle da aos políticos… os indíxenas sonche máis simpáticos cos seus taparrabos e arcos e tal…

Vaia, que nos imos polos cerros da serra andina!

As poetasdahostia pregúntanse a diario como chegará esta anunciada fin. Baixarán un número indefinido de xinetes da apocalipse dos ceos? Será un meteorito o que acabe coa crise? unha grande erupción volcánica? Comeranos a todas E. Botín? Kim-Jong-Un construirá un robot xigante e se lle irá das mans? Mudará a kokakola o seu ingrediente segredo pola cicuta?

Logo de tanto pensar descubrimos que a única forma en que pode chegar a fin ten que ser por unha ameaza externa, xa que a humanidade non sería nunca tan estúpida como para autoextinguirse (ehem…) E de todas as ameazas externas E.T. parecíanos pouco impactante. Así que chegamos a definitiva conclusión de que os únicos bechos superiores que poden causar a nosa fin son os coñecidos Alien e Predator.

Para concluír

O próximo sábado, no histórico Bar Hipólito e da man das poetas presentadoras da gala María Lado e Lucía Aldao poderedes decidir cal das dúas bestas primixéneas será a que poña fin a este mundo. Para a defensa de cada bando contaremos coas poetas: Ledicia Costas, Nolim González, Edu Estévez, María N. Soutelo, O Leo de Matamá e Daniel Landesa.

Vas faltar a cita?

Na categoría Sen clasificar | 1 Comentario

BO NADAL!

porque ao poñer poesía na vida doutra persoa sempre crearás un vínculo único / porque axudar a un poeta desgrava en facenda, ou debería / porque a vida sen poemas e simplemente vida / porque un libro de poesía sempre queda ben na estantería e sempre loce ante as visitas / por que non? / porque os libros de poesía teñen poucas páxinas e gastan poucas árbores / porque si / porque cada vez que mercas un libro de poesía desintégranse tres kalashnikov / porque é a mellor forma de que mañá alguén faga o mesmo por ti / porque non mercades nunca poesía pero logo ben que lles dades día das letras a poetas / porque por cada libro de poesía que unha autora/autor vende pode pagar un 70% dun café se é que llo permite a tensión (arterial, non poética) / porque só regalando poesía serás un @poetadahostia

 

 

 

 

 

 

 

Na categoría Sen clasificar | 1 Comentario

Andan polo mundo tres poetas sen alma

E rematou o Culturgal. Unha feira marabillosa e marabillosamente ben organizada, tanto que xa estamos a contar os días para o Culturgal’12, farase longa a espera. As nosas impresións de poetas son que debería haber unha destas, como mínimo, unha vez ao mes! Viva a saudable cultura galega!

VIVA!
 

Nós podemos ter o orgullo grande de poder afirmar que participamos desta festa cun pequeniño gran de area, nun evento no que tres dos nosos poetas venderon, literalmente, a súa alma. En concreto foi durante a programación nocturna do venres, nunha acolledora sala (o garito: ‘pequeño Karma’), onde as nosas queridas Ledicia Costas, Lucía Aldao e Daniel Landesa cederon as súas almas para unha reñida poxa na que o público entusiasta axitou os seus poetrodólares co único fin de facerse cuns obxectos macanudos confeccionados pola artista María Longa.

Pasámolo moi ben. Iso non o podemos negar. Contratamos ao mesmísimo Mefistófeles que se meteu no corpo de María Lado para conducir a poxa, e o demo Azazel entrou no corpo do incrible e infernal músico mig seoane. Pola nosa parte só agardamos que a xente que asistiu o pasase cando menos a metade de ben do que o pasamos nós porque iso significará que as poetas e o poeto que xogaron a alma apostaron ben. Agora andan sen alma polos carreiros de Galicia adiante, pero felices…

 …Saberemos algo máis da alma das nosas poetas? Notarán a súa falta? A resposta…

…proximamente!

 

Na categoría Sen clasificar | 2 Comentarios

Vendo a miña alma. Poxa de poetas no culturgal

Os Poetas da Hostia convídanvos a unha poxa de poetas que terá lugar este venres dentro da programación do Culturgal.

O acto é un recital de poesía no que ti como público tes moito que facer, pois poderás poxar polo teu poeta preferido e levar a súa alma como premio. Quen non quixo algunha vez ter a alma dun poeta na mesiña de noite ou no armario das medicinas? Esta é a túa grande oportunidade.

Os poetas que se locerán serán Ledicia Costas, Lucía Aldao e Daniel Landesa, poñerá música en directo Mig Seoane e presentará María Lado. As almas son unha sorpresa saída das mans e a cabeza da artista María Longa.

A poxa realizarase en poetrodólares, moeda que cotiza moi ben no parqué lírico e que vos facilitaremos á entrada do acto.

A partir das 23.00 horas no garito Pequeno Karma de Pontevedra. Agardámosche por alá!

Na categoría Sen clasificar | Leave a comment

Poetas en Tui

Velaquí que os poetas non descansamos mentres non veña un exército invasor a derrocarnos do noso reino soñado das letras. Letras que voan establecendo pontes, as pontes, mesmo en tempos de guerra, son sempre lugares estratéxicos. Por iso é que os poetasdahostia desembarcaremos o próximo venres na cidade cunha das pontes máis importantes do noso país imaxinario. Importante porque se trata dun viaduto que é conexión, ligazón eterna entre irmáns de sempre, dos que nunca se esquecen de todo.

Este venres, por tanto, estableceremos unha ponte de mando e versos na cidade da vella Tui e ollaremos de fortaleza a fortaleza sentíndonos un nun espazo creativo que agardamos sexa o comezo dunha longa amizade.

Cando?
Venres 18 de novembro a partir das 22:30 h.
[graciñas gabibi por exercer de correctora de boli vermello]
Que?
Novas Poesias de Velhas Tendências – Novas Tendências de Velhas Poesias

Quen?
Tres enfoques poéticos. 1. Nolim&DjCoccon 2. María Lado&Lucía Aldao 3. Disociais (Ledicia Costas/Isaac Mariño/Daniel Landesa)

Onde?
La Fabriquería Espacio Creativo
http://www.lafabriqueria.blogspot.com/
Avenida da Concordia, 29
TUI

Na categoría Sen clasificar | Leave a comment

Poxa de poetas!

En poetasdahostia énchenos de satisfacción, orgullo e recheo de pavo de acción de grazas, poder anunciarvos que estaremos no Culturgal vendendo a nosa alma…

e ben baratiña!

Proximamente máis información

Na categoría Sen clasificar | Leave a comment

Grazas Zig Zag!

Sentímonos moi moi honrados de que o mellor programa da televisión mundial nos tratase con tanto agarimo e atención como o fixo o Zig Zag Diario conducido por María Solar. Non podemos menos que dar mil millóns de veces as grazas e aínda así quedariamos escasos.

Velaquí tendes a reportaxe chula que nos fixeron e da que estamos tan orgullosas e orgullosos que a vemos todos os días ao chegarmos a casa!

zigzag

Aproveitamos a ocasión deste vídeo para inaugurar a nosa canle en vimeo. Vaia! teremos que organizar uns pinchos e viños para tal inauguración? Velaquí podedes vernos ‘in action’:

CANLE DE POETAS DA HOSTIA

Na categoría Sen clasificar | 2 Comentarios